Do mesmo xeito que en anos
anteriores, mantemos a aposta polo Festival de Clipmetraxes como a principal
ferramenta educativa que vos ofrecemos.
A realización destes vídeos dun minuto implica que poidades
traballar o tema co voso alumnado para escribir o guión e a continuación,
utilizar a vosa creatividade á hora de transmitir á sociedade o voso punto de
vista sobre o mesmo, abordando, de paso, a competencia
dixital.
Rodéanos unha realidade moi complexa,
na que todo está interrelacionado. Hai moitos problemas, como a fame, a pobreza
o cambio climático ante os que aparentemente pouco podemos facer, ou pensamos
que o que unha soa persoa poida facer non vai ter ningunha repercusión. Con
todo, cada un/unha de nós ten algo que achegar e na nosa man está
comprometernos para eliminar as inxustizas.
Este curso 2020-21 debido ás
circunstancias que vivimos por causa da epidemia do Covid-19, queremos
centrarnos no Dereito á Saúde e na desigualdade no acceso aos recursos
sanitarios das persoas máis empobrecidas, co lema “Combate o virus da
desigualdade”.
Achega o teu punto de vista e
úneche aos que cren que as cousas poden ser mellores. Todos/ as temos algo que
denunciar, que defender ou unha mensaxe que difundir, cun punto de vista
peculiar, único e diferente.
O teu punto de vista
pode cambiar o mundo